13/5/11

A Xunta aposta por queimar 900000 toneladas de lixo ao ano en Dozón

Amigos da Terra, a Federación Ecoloxista Galega e Greenpeace, consideran que a creación dunha nova planta incineradora en Galicia non é a solución adecuada para a xestión do gran volume de residuos xerados na nosa comunidade, e reclama para Galicia unha aposta clara pola redución, a compostaxe e a descentralización na xestión de residuos, como as mellores solucións para este problema. A Consellería de Industria anunciou que Dozón é o municipio elixido para acoller a nova incineradora, delegando a responsabilidade de decidir a ubicación desta planta nunha empresa, Estela Eólica neste caso, actuando como mero transmisora de intereses empresariais.

A Xunta de Galicia volve a apostar por un modelo fracasado, que lonxe de rematar cunha problemática, non fai máis que perpetuala e hipotecar o futuro de galegas e galegos. A nova planta tratará cerca de 900.000 toneladas de residuos, converténdose na incineradora máis grande de España, trala planta de Son Reus, con 700.000 toneladas. O sobredimensionamento da planta lévanos a sospeitar que sexa futura receptora de residuos doutros lugares de España.

Galicia, líder en incineración

Cada galego e galega xera na actualidade 442 kg de residuos ao ano, dato que nos sitúa por debaixo da media española (cerca dos 600 kg) e aínda máis abaixo da media da UE. En cambio, en Galicia a Xunta incinera o 42,5% dos Residuos Sólidos Urbanos. Tendo en conta que a media europea está no 20%, e a española non chega ao 10% do total de residuos xerados, podemos concluír que Galicia ten o dubidoso mérito de ser hoxe unha das rexións líderes da incineración en España e en Europa.

A construción dunha segunda planta incineradora no sur de Galicia, colocaríanos entorno aos 375 Kg de lixo por galego que anualmente serían enviados a incinerar. Unha cifra só superada hoxe por Dinamarca, con algo máis de 400 kg.

Que modelo de xestión de residuos queremos para Galicia?

O goberno galego aposta polo modelo danés, que non conseguiu conter a xeración de residuos (801kg/persoa e ano, récord europeo) nin as emisións e riscos da queima do lixo (427kg/persoa e ano son enviados a incinerar).

Pero lonxe deste modelo, existen en Europa rexións que están a xestionar os seus residuos minimizando a incineración. A rexión de Flandes en Bélxica, é o espello no que a Xunta de Galicia se debe mirar de cara ao futuro. Esta rexión conseguiu reducir nun 73% a xeración de residuos entre 1996 e 2006 e segundo datos do 2007, recicla e composta o 75% dos seus residuos.

A Xunta non ten unha verdadeira planificación acerca dos residuos e decide instalar unha incineradora de residuos nun concello con baixa resposta veciñal, afondando na inxustiza social.

Oposición a outra incineradora en Toral de los Vados, no Bierzo

O movemento ecoloxista galego tamén se mostra preocupado e rexeita posibilidade de que se instale outra industria incineradora na fábrica de cementos Cosmos de Toral de los Vados, a catro quilómetros de Galicia, no Bierzo.

A incidencia sobre o Medio repercutiría tamén en Ourense e Lugo, coas previsións de queimar case 100.000 toneladas de residuos diversos, desde pneumáticos a pilas, pasando por lodos de depuradora, aceites usados, residuos de laboratorio e fariñas de animal, situación que tamén preocupa aos colectivos bercianos que comezaron fai tempo a organizarse loitando contra esta industria contaminante.

Por iso, desde Amigos da Terra, a Federación Ecoloxista Galega e Greenpeace, propoñemos que en Galicia se faga unha aposta decidida pola redución na xeración de residuos, lonxe do escaso 10 % que establece o novo plan de residuos de Galicia de cara a 2020. Así mesmo, reclamamos para Galicia unha aposta clara pola compostaxe seguindo ao exemplo de Flandes, a descentralización na xestión de residuos e a desaparición da incineración.

No hay comentarios: