domingo, 27 de junio de 2010

O Día das Letras Galegas 2011 para Fernández y Morales

Fuente: BierzoDiario
Por Amancio Prada, J.C. Mestre, César Gevela, J.A. Balboa e doce firmas mais / As persoas que asinan esta nota de prensa queren facer público o seu apoio á solicitude realizada ante a Real Academia Galega para que o próximo ano, 2011, sexa dedicado o Día das Letras Galegas a Antonio Fernández Morales, autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano(1861). Varios son os argumentos que quixeramos expoñer brevemente para asentar dita petición que consideramos tamén nosa. O do valor literario da obra, o de ser fieis a día de hoxe ás intenciois que levaron a Morales a escribila e, finalmente, o enriquecemento que esta iniciativa supón tanto para os bercianos como para os galegos do presente século.

O primeiro que resaltamos é o valor intrínseco deste libro, equiparable en calidade ao doutras obras de autores galegos contemporáneos. Destacaríamos que é, sen dúbida, un dos mellores cantos que se teñen escrito á terra berciana no século XIX. Está conformada por un conxunto de poemas que se encontran entre os máis antigos do movemento literario chamado Rexurdimento, escritos e editados no ano 1861, aínda que será dous anos despois cando dá comezo oficialmente dito movemento, un 17 de maio de 1863, data na que se publican os “Cantares Gallegos” de Rosalía (motivo polo cal se celebran nesta data o Día das Letras Galegas). Dáse a feliz circunstancia a ter en conta de que no 2011 se cumpren polo tanto os 150 anos da súa publicación.

Morales, por outra parte, é autor dunha fermosa creación literaria baseada na fala natural das súas xentes, das máis humildes. Levado polo amor que demostra pola fala dos bercianos do XIX, o poeta no prólogo dunha obra non pequena ( falamos de varios miles de versos ) comenta en canto as súas intenciois: “legar “legar á posteridade” certos costumes do Bierzo logo de facer da tradición literatura, recoñecendo á vez, tanto o seu uso na comarca en tempos remotos, como o seu valor, unha expresión que debe verse nobre e digna, orixinal e intimamente ligada a unha terra, ademais de ser o berciano un subdialecto do galego do vai procurar usar as fórmulas máis puras.

Finalmente debemos constatar que homenaxear a Antonio Fernández Morales o Día das Letras do próximo ano, é unha gran ocasión para afondar na riqueza patrimonial común que supón o recoñecemento e a incorporación deste aporte berciano á Literatura e á Lingua de Galicia, un tesouro cultural que compartimos e do que nos sentimos, tanto os bercianos como os galegos, sinceramente orgullosos.

Rematar estes breves apuntamentos que acompañan a nosa solicitude, destacando algo que por obvio non quixeramos deixar de citar. Esta celebración axudaría a andar o camiño da consideración da fala natural das xeraciois pasadas de bercianos e tamén de milleiros de persoas do Bierzo do século XXI, pais e nais que escollen voluntariamente que os seus nenos e nenas estuden a lingua de Morales e de Rosalía na escola, tras facilitar a súa incorporación ao ensino en colexios e institutos (máis de mil familias) co acordo das administraciois implicadas de Castela e León e de Galicia.

Asinan este escrito: Amancio Prada, músico; Juan Carlos Mestre, poeta; César Gavela, escritor; José Antonio Balboa, historiador; Carmen Busmayor, escritora; Valentín Carrera, cineasta; Germán Valcarce, xornalista; Ester Folgueral, poeta; Miguel Varela, director Teatro Bergidum; Luís Paradelo, escritor; Elena Soto, poeta; Manuel Cuenya, escritor; Fermín López Costero, escritor; J.A. Robés, fotógrafo; Ricardo López Témez, xornalista ; Mar Palacio Bango (presidenta IEB); Héctor Silveiro, Comisión Sarmiento; Paco Macías, editor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario