27/5/10

UXÍO NOVONEYRA: NATUREZA E FALA DO COUREL

Arbores,

arbres, árbores, albre, arbes.

Tamén de muitos

xeitos se chaman

en Galicia carballos ,

castiñeiros, pradairos,

bidueiros, nogueiras,

pereiras, mazairos, lameiras,

loureiros, abrairas, salgueiros,

amieiros, chopros, aciñas, faias,

carnabudos, teixos, acibros…

Sin eles a face da nosa Terra

non sería recoñecibile.

Entr’iles escribín poemas que sólo poden

escribirse na nosa Fala. UXÍO NOVONEYRA

O día 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas en toda Galicia sempre na honra dun escritor para dar a coñecer a súa obra. Esta ano foi homenaxeado Uxío Novoneyra, o poeta do Courel esa terra veciña ao Bierzo coa que compartimos natureza e fala. Precisamente vai ser este singular poeta quen faga da súa obra un permanente cantar a estes dous elementos o da súa fala e o do seu Courel, pois nace una aldea de Parada en 1930 e alí pasou unha gran parte da súa vida non sen deixar de desenvolver tarefas moi relevantes como intelectual e comprometido galeguista que foi. Foi ante todo un poeta integral e como tal a última etapa da súa vida foi escollido ata o ano da súa morte en 1999 presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Queremos pois facer unha breve memoria do seu labor pois Uxío é un dos baluartes na defensa do patrimonio natural e cultural do Courel.

Os eidos, é o seu gran libro onde na fala do galego oriental que sempre defendeu está impresa a sensación dun xeito maxistral que a Serra, a súa paisaxe, a súa fauna e a súa flora marcaron o seu existir. Unha mirada desde a pequenez do ser fronte a inmensidade da Terra:

“COUREL dos tesos cumes que ollan de lonxe!

Eiquí síntese ben o pouco que é un home…”

Para Uxío soñar era crear e el era escritor pola desmesura dos seus soños: “Soñar é descubrir posibilidades certas. Case sempre soñamos posibles necesarios. Case nunca soñamos imposibles, aínda que só sexa por esa discreción que nos impón a Historia.
Posibles necesarios e difíciles. Difíciles só porque están en choque con intereses creados e coa simple inercia…
Os poetas gozamos e sufrimos dunha incurable mocidade… Amais de estar posuído polo soño da plenitude humana e da liberdade, polo soño de cambiar o Mundo, un está secuestrado pola patria. E isto si que o pon en forte punto. E máis por tratarse dun poeta que é o ser máis dependente da propia Lingua.”

Pois ben cales eran os soños de Novoneyra para o Bierzo? Eran soños que partían das súas vivencias da infancia no Courel:

“Cando eu era mozo eiquí en de lado, na Terra do Courel, na Serra do Courel, miraba cara o Leste, cara Vilafranca, e vía os tesos marelos do sol-por pra Boca do Couto… e cara Vilafranca soñaba o Mundo i o Futuro:

Vai polo monte o camiño

outeando coma un louco

polos caborcos do val

i as poxas do taramouco.

Cruza solo a serra toda

sin levar outra compaña

que a gran presencia do ceo

sobre o silencio da braña.

Eu non sei pra onde vai

méntre-lo quedo mirando.

Sólo sei que eilí se compre

o soño que estou soñando...

Eu non sei porque soñaba sempre cara o Leste. Quizaves atraguido pola pura forma da serra ou pola chamada aínda dun engado romántico que non acaba de rematar... Regresando ó concreto da situación xeográfica e do tempo histórico, cando nos anos anteriores aos corenta, do Courel se tiña que saír a unha vila grande, estaban á mesma distancia Sarria, Quiroga, O Barco de Valdiorres e Vilafranca. Pra aiquí viñan os arrieiros ó viño i os vendedores de cabalos. Era pois vila habitual da que se contaban cousas. E na miña mente de neno estaba pousada nunha distancia íntima, realizable. Quero dicir que estaba neso que chamamos a redonda. Era terra de un que logo se distanciou ó dirixírense as vías de comunicación para outro lado ó deixarse o cabalo. Por eso comenzou a cobrar irrealidade e purificarse na memoria e cargarse de prestixio antigo. Pero sin que caise nunca fóra do meu tempo nin fóra de Galicia.
Logo, como unha superposición de tipo ideolóxico e dato oficial, soupen que senón na Galicia administrativa, Vilafranca era Lingua de Galicia, a que falaron os homes que a construiron. Os mesmos que fixeron a Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos cando se esqueza o noso nome i o noso rostro.
Levo con gran orgullo e con gran teima o de poeta desta Fala Galega Oriental de labradores que garda o xeito, a forma das terras do Leste onde hoxe Galicia acaba en soave transcurso.

O meu soño cara o Universo-Mundo e cara o Futuro soñeino, repito, mirando cara o Leste coma na lenda fundacional desta vila que lle ouvín a unha muller da Seara do Courel:

A onde vás vaca branca?

Onde ti pares será Vilafranca.”

Uxío lembrounos recitando, como non podía ser doutro xeito, que o Bierzo para el son “os últimos montes e a última chaira de Galicia atravesados polo Camiño de Santiago” obra da Lingua Común:

E pasados León e Castela O Valcarce e sin preguicia

por Castela a León as penas de garamela

en pasando Monte Irago apeitar para o Cebreiro

e xa en Lingua de Galicia polo marcado carreiro

Ponferrada e Vilafranca que a neve volve vago…

Deixando a chaira Estanca A un lado i autro del…

e nas mesmas portas dela. Os Ancares i O Courel.

Así remataban as palabras de UxÍo:

Ogallá sexa aquil canto o ventar da espranza-que-teima para Vilafranca, pro Bierzo, para Galicia e pro Mundo. Teima coma a dos homes de antes que nunca se entregaban, a pesares da vida dura e do inmediato previsto.

E poño eiquí, para vós e para rematar, outro verso meu, tras dun silencio que todo pasado inclúe:

E inda é nova a Terra!

Inda é nova a Terra!”

Así rematamos hoxe tamén a lembranza neste día dende as terras do Bierzo cara ás veciñas terras do Courel, terra natal do poeta que hoxe festexa Galicia enteira facéndonos eco dos seus soños.

Héctor M. Silveiro Fernández,

membro correpondente polo Bierzo da Real Academia Galega.

*Para ver o texto íntegro: http://www.blogoteca.com/omegodaescola/

No hay comentarios: